La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Antes da guerra, a Postdamer era practicamente o centro de Berlín. A poucos metros, erguíase o edificio da Chancelería; case ao lado desta, o famoso búnker; un pouco máis alá, a sede tenebrosa da Gestapo. Ningunha destas construcións representativas do nazismo segue en pé; as tres foron arrasadas. Cando se levantou o muro, hoxe tamén derrubado, a citada praza quedou no Berlín Oriental, e pouco a pouco, os arredores da parte occidental fóronse convertendo nun ermo, abandonados á marxinalidade.

Ata que se empezaron a erguer alí algúns edificios dunha admirable audacia arquitectónica, e dunha grande importancia cultural. En primeiro lugar, a Galería Nacional, de Mies van der Rohe. Despois, a Biblioteca Nacional, unha das maiores do mundo. Por último, a Filarmónica, deseñada polo célebre arquitecto  Hans Scharoun.

Onte pola noite asisitimos a un concerto. Daban O canto da Terra, de Gustav Mahler, baixo a dirección de Daniel Barenboim. Moitas emocións xuntas: a sala da Filarmónica en si, dunha beleza grandiosa, espectacular. Pero sobre todo a alegría de saber que a escasos metros do lugar onde uns homes lle impuxeron a outros pola forza un drama de violencia e de odio, non moitos anos despois, a pesar de todo, máis de dúas mil persoas seguiamos alí, libres e en paz, unidos inocentemente pola música.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de setembro de1993.