La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O xoves pasado, en Celanova, un grupo de amigos esti vemos sentados nunha terraza da Praza Maior, diante do mosteiro, falando ata as dúas da mañá. A calor da noite invitaba á tertulia e o goce daquel marco espléndido ía demorando a hora de marchar. Eu acordeime entón vagamente de que tiña lido nalgún libro, ou que llo escoitara dicir a alguén, que na vila había antes a crenza de que os que bebesen do cano norte da fonte da praza quedaban avariados da cabeza. Tal foi o caso de don Paco Roque, tolo ilustre do lugar.

Algúns dos amigos que nos acompañaban dixeron que algo diso se dicía noutra época, aínda que a idea se fora perdendo nos últimos tempos. Onte, non obstante, atopei nun libro de Casado Nieto unha referencia precisa a esa historia, que sucedeu durante unha viaxe que este fixo con Vicente Risco a Celanova no ano 1951.

Conta aquel escritor que no regreso, ao ir coller auga para botala no radiador do coche, Risco púxose a berrar desesperado pedíndolle por favor que vertese no pilón o contido da botella que acababa de encher, pois era do cano norte. Naturalmente, Casado compraceuno, pero aínda así, na viaxe de volta, don Vicente foi enfurruñado e preocupado, sen abrir a boca. Cando chegaron a Ourense, por fin respirou e dixo: “¡Salvámonos de boa!” Por suposto, eu non creo nestas cousas, pero tampouco se perde nada con ser prudente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de setembro de 1995.