La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polos anos sesenta fíxose famoso en todo o mundo un asasino inglés chamado Ian Brady, autor de varias mortes. Este individuo, que non pesaba máis de cincuenta quilos e tiña un buraco de pel e osos en cada meixela, era un bárbaro. Xa de neno se dedicaba a tirar gatos desde a ventá do piso onde vivía. Logo deulle por estudar, pero nada máis que o libro de Hitler Mein Kampf, que chegou a saber de memoria. Entre as vítimas do tal Brady hai que contar a unha señora á cal tirou dun empurrón por unha ponte, un home a quen lle meteu un tiro na cabeza e un rapaz enviado para o outro mundo cunha navalla na barriga.

Agora leo que Brady aseguraba que a morte non é de color negra, senón verde. Nisto coincide co que teñen declarado outras persoas que sobreviviron a unha execución, como foi o caso dun rapaz irlandés condenado por roubar unhas ovellas: no momento de ser aforcado, os seus ollos enchéronse dunha color encarnada moi intensa e dunha sensación de paz semellante a un sono agradable.

Algo parecido lle sucedeu a John Smith, un inglés do século XVIII sentenciado a morrer na forca por ter roubado 50 pares de zapatos. Quince minutos despois de ser executado, chegou o indulto. En vez de enterralo, levárono a unha taberna e conseguiron reanimalo. Ao verse con vida, Smith dixo que non o pasara mal e que a morte consistía nunha sinfonía de colores e nunha modorra relaxante. A súa historia tense contado moitas veces. O outro día valeuse dela un xuíz americano para defender a pena de morte, da que dixo que non resultaba amarga. Se fose así, sería o mellor argumento para suprimila. Non ten sentido converter o castigo nunha festa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de agosto de 1997