La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo, despois de traballar un par de horas no xardín, senteime a ler un pouco no porche. No libro que elixín, o autor contaba unha historia que viviu hai seis anos durante a guerra de Bosnia, mentres acompañaba un grupo de serbios que defendían unha posición na súa aldea, a douscentos metros das liñas croatas. A un lado e ao outro, os integrantes de ambos os dous bandos, eran veciños. Antes da guerra foran xuntos á mesma escola, saíran coas mesmas mozas e xogaran en parellas a partida nos mesmos cafés. De súpeto, ao empezar o conflito, convertéronse en inimigos.

Intrigado pola situación, o periodista preguntoulle a un dos soldados serbios cal era a razón daquel disparate. O home mirouno con desprezo, sacou un paquete de tabaco e dixo: “Ve? Estes son cigarros serbios. Do outro lado fuman cigarros croatas”. Cando o xornalista lle recordou que todos eran cigarros, o outro limitouse a dicir: “Os estranxeiros non entenden nada”. Con todo, aínda seguiu pensando.

Como froito da súa reflexión, uns minutos despois engadiu: “Os croatas pensan que son uns europeos moi finos, distintos de nós, pero sabe o que lle digo?, que todos somos merda dos Balcáns”. Estaba claro que as súas ideas se ían perfilando. Primeiro, todo era diferente, incluso os cigarros; logo, todos eran a mesma cousa. Por último,  unhas horas máis tarde, o paisano achegouse ao estranxeiro e díxolle, coma se aínda lle seguise dando voltas na cabeza á pregunta que este lle fixera: “Mire, a min non me pagan por pensar”. Seguro que era así, pero estaría ben saber quen pensou por el para convencelo de que era inimigo a morte dos seus veciños e amigos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de maio de 1999 .