La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Por unha revista, sei agora da morte de Juan Ramón Masoliver, un dos amigos máis divertidos, intelixentes e disparatados que tiven. Andaba preto dos noventa anos. Era ofensivamente agudo, pero tamén arbitrario e feroz cando quería. Eu vinlle facer a puñeta contra un personaxe do público mentres daba unha conferencia subido nunha tribuna. Eran unhas puñetas contundentes, repetidas en forma de traca cunha furia que non se correspondía coa chispa maligna dos ollos nin co xesto irónico da boca.

Sempre me entendín moi ben con el. Só nos enfadamos unha vez, en Moscova, cando eu lle reprochei as impertinencias que lles dicía aos escritores rusos, incapaces de entender aquel humor seu tan particular. Nunha reunión oficial, ao levantarnos para marchar, díxolles: “A próxima vez que volvamos, iremos velos a Siberia”.

Ás veces, a lingua íalle por diante da cabeza. Vivín con el horas inesquecibles. Recordo unha viaxe en avión desde Italia, na que me veu contando a súa amizade con Joyce e con Ezra Pound. Non presumía, simplemente narraba unha experiencia interesante. Podía ser tan especial que aínda hoxe, a mellor guía de Roma que existe é unha que escribiu el, que era de Barcelona. Nervioso ata poñer nerviosos aos demais, fuguillas e atrabiliario, sabía moitísimo. Sempre nos quixemos ben. Vouno botar de menos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de maio de 1997.