La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando se celebrou o sonado xuízo contra O. J. Simpson no verán do ano 1995, unha testemuña que adoitaba pasear o can polas noites nas inmediacións da casa do crime foi interrogada na sala pola fiscal para que dixese se escoitara voces que proviñan de dentro e se era certo que tiña comentado cun amigo que unha daquelas voces soaba como se fose dun negro. Antes de que se producise a resposta, un dos avogados protestou indignado por considerar que a pregunta deixaba traducir sentimentos de tipo racista.

Non sei se a pregunta tiña ese sentido, pero a verdade é que moitos negros falan distinto dos brancos. Esas diferenzas danse entre persoas de diferentes rexións (aquí distinguimos perfectamente un catalán dun andaluz) ou entre os membros de distintas clases sociais (pola fala podemos saber quen foi á escola e quen non).

En Xava, por exemplo, a clase alta fala en kromo, a clase media usa o madyo e a clase máis baixa emprega o ngoko. Nos mesmos Estados Unidos, quen teña andado en taxi en Nova York, por exemplo, aínda sen saber moito inglés, deseguida percibirá acentos que nada teñen que ver co que se escoita na televisión. Pasa en todo o mundo, como saben os lingüistas. Como dicía un destes, o deber dos estudosos do idioma é describilo, os filósofos e as almas de ben poden lamentalo e os políticos deben modificalo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de marzo de 1997.