La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O venres pola mañá pasei algún tempo nunha sala de espera, facendo turno para amañar uns papeis. É unha situación que non me disgusta, sempre que se poidan escoitar as conversacións da xente. Desta vez tiven sorte. Despois de perder uns minutos oíndo unha señora gorda e brava, partidaria de pena de morte, cambiei de orientación e púxenme a escoitar o que dicía un mozo duns trinta anos, mariñeiro de profesión e moi viaxado, que ilustraba a un individuo da súa mesma idade a propósito dos teléfonos móbiles.

Segundo lle explicaba ao seu interlocutor, todo é cousa dos xaponeses, que descubriron as marabillas do tiburón, concretamente das aletas. Hai nesta parte do animal unha fibra potentísima da que sae o material que logo se emprega tanto para a fabricación dos citados teléfonos, como os televisores, as computadoras e incluso a roupa.

A conversa científica durou máis de dez minutos; a continuación, o home que falaba dos tiburóns pasou a opinar de política. Nese momento, optei por abrir o periódico e poñerme a ler, pois o tema xa non me interesaba. Desgraciadamente acabei metido na mesma temática que precisamente quería evitar. Cando me arrepentín e quixen volver á conversa dos meus compañeiros de espera, xa marcharan. Quizais me perdín algunha explicación orixinal: que ese cristo que estamos vivindo teña tamén algo que ver coa zooloxía.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de febreiro de 1995 .