La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu era estudante en Santiago, alá polos anos sesenta, tiña un compañeiro de cuarto que quería dedicarse ao cine como guionista ou director. Unha noite, xa de madrugada, entre copa e copa, leume sen parar un guión que quería someter ao meu parecer antes de mandarllo a Charles Chaplin, a persoa que el estimaba máis apropiada para dirixilo, tan convencido estaba do seu valor. Non gardo unha memoria moi precisa dos detalles daquela historia destinada a converterse en filme, pero si recordo algo.

Recordo, por exemplo, que o protagonista era un cirurxián delgado, con aspecto cadavérico, de bigotiño de mosca, pómulos como patacas e boca enorme, dentón. Non sei por que razón, aquel home gozaba dándolle de comer aos seus cans, que eran pequenos e gordos, os desperdicios das operacións: pernas, fígados, dedos…

A película remataba cunha escena cómica: un gato roubaba o apéndice dun enfermo recén operado e o médico saía correndo detrás del polas rúas de Madrid, ata que recuperaba a peza. Rematada a lectura, fíxenlle ao meu amigo unha crítica que se resumía máis ou menos en que aquilo era un disparate. Non me podía imaxinar eu entón que moitos anos despois ía suceder unha cousa semellante en Nápoles. Nesta ocasión, non obstante, o gato papou o apéndice, que era dunha vella. A familia está indignada

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de febreiro de 1997 .