La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días pasados, en reunións de amigos, observei a irritación, ás veces non máis que sorpresa e incluso diversión, que lles produce a moitas persoas o feito de que algúns españois digan que non son españois. Trátase dunha reacción que se basea nunha estima desmesurada pola lóxica: se existe unha realidade que se chama España, composta por galegos, vascos, cataláns e outros pobos, o lóxico é que os seus habitantes sexan españois, da mesma maneira que en Europa, os franceses ou os alemáns son tamén europeos.

Se o problema tivese algo que ver cunha utilización tan apabullante do sentido común, só un estúpido se atrevería a negar unha evidencia semellante. Aínda aceptando o atractivo que para moitos espíritos simples poidan ter as causas que se alimentan de moito fervor, non sería razoable nin intelixente concluír que todos os partidarios do señor Colom, por exemplo, son tontos ou están mal da cabeza.

O erro consiste en pensar que as opcións persoais deben estar sempre construídas sobre a base de siloxismos impecables. De nada serve un argumento, por moi ben trabado que estea e por moita saiba que zugue do chan da historia, da economía ou do dereito, fronte á vontade soberana dun individuo. Dos sentimentos da xente pódese falar, nunca argumentar contra a falta de lóxica que os sustenta. De maneira que un pode non sentirse español da mesma maneira que hai xente á cal non lle gusta o peixe. Nada que discutir.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de febreiro de 1993.