La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Era un equipo de traballo formado por seis ou sete alemáns, que se achegaron ata aquí para montar unha complexa estrutura metálica destinada a un espectáculo teatral. Xente ordenada e previsora, antes de emprender a viaxe, xa tiñan contratado un par de intérpretes e solicitado a colaboración de man de obra do país. Pretendían que as cousas funcionasen ben, igual que o mecanismo dun reloxo, como viña ocorrindo desde meses antes en Berlín, Liverpool, Bordeos e outras cidades de Europa onde montaran a mesma estrutura.

Nunha coidadosa división do traballo, cada alemán dedicábase só a unha cousa: un botaba niveis, outro apretaba tornillos, un terceiro colocaba focos… De seguida, entre o persoal nativo empezou a circular unha frase: “Estes alemáns teñen todos a cabeza cadrada”. Atopado o diagnóstico, empezou rapidamente a terapia.

Consistiu esta en rirse do seu sistema de traballo, poñer en cuestión as ordes recibidas, discutir as solucións propostas, improvisar melloras… Nun momento, un dos alemáns dirixiuse a un mozo de mono azul para que non tirase tanto dun cabo. Un compañeiro deste último díxolle: “Non lle fagas caso e tira, que estes non saben o que traen entre mans”. O outro tirou e xurdiu a catástrofe: caeu todo. Cando o alemán lle fixo un reproche a través do intérprete, a resposta chegou fulminante: “Dille ao alemán que vaia a…”. Xa se sabe.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de febreiro de 1998.