Acaba de aparecer nos Estados Unidos un novo libro sobre John F. Kennedy, esta vez escrito por un profesor universitario que pretende ser rigoroso e obxectivo. Para empezar, conta no prólogo que a véspera do funeral pola morte do presidente asasinado, unha señora, a muller do coñecido periodista Joe Alsop, chamou por teléfono a Jacqueline, a viúva, para dicirlle que o primerio adulterio dos moitos que Kennedy cometera despois de ser elixido para o cargo fora con ela, exactamente a véspera da toma de posesión como presidente.
O libro esténdese tamén sobre outros aspectos íntimos da vida do biografado, algúns deles sacados de cartas, de xeito que non se aforran nin as gonorreas contraídas na mocidade nin a súa condición de amante inclemente e voraz, atragoado e rapidísimo, por non falar das urxencias sexuais que o levaban a meter putánganas de luxo nos cuartos privados da Casa Branca.
A pesar de que estas e outras historias relacionadas con Kennedy teñen sido divulgadas moitas veces e que hoxe non é un segredo para ninguén que o señor presidente era un frenético en materia de saias e algo parecido a un truán en asuntos de alcoba, seguen espertando o interese da opinión pública mundial. A poucas persoas lles interesa, en cambio, a enorme coraxe que tiña fronte ao sufrimento, aquela dignidade con que soportou as terribles dolores diarias que convertían o seu corpo nun inferno. Iso non entra no cromo.
Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xaneiro de 1993.