La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Poucos galegos saben que a cidade de Juiz de Fora, no estado de Minas Gerais, onde naceu o novo presidente do Brasil, Itamar Franco, foi fundada no século XVIII por un ourensán chamado Antonio Vidal. Eu mesmo participei no descubrimento das probas documentais que así o acreditan e que viñeron resolver de forma definitiva unha longa e agria polémica que tiña enfrontados a varios historiadores brasileiros, divididos entre unha maioría que pensaba que Vidal era portugués e unha minoría que defendía a súa orixe galega.

Todo o que se sabía ata hai pouco era que o fundador nacera nunha parroquia chamada San Mamede, un topónimo que abunda tanto en Galicia como en Portugal. Con esa pequena pista, presentáronse un día na miña casa de Xinzo de Limia o novelista Eduardo Blanco Amor e un escritor brasileiro chamado Pablo Núñez Arca: oíran dicir que por alí preto había unha parroquia con aquel nome.

O dato era certo e alá fomos en auto para consultar os libros parroquiais. Despois de vencer con dificultades a resistencia dun cura túzaro e zulú, puidemos acceder ao rexistro. Repartímonos o traballo e a sorte quixo que na terceira folla do libro que estaba mirando eu aparecese á marxe o nome de Antonio Vidal. Como o brasileiro era algo tolilates, coa emoción disparóuselle o corazón e tivémolo que atender alí. Despois, reposto e desbordado, prometeulle ao cura unha viaxe a Brasil e unha igrexa nova.

 Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xaneiro de 1993 .