La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven en Córgomo, unha pequena vila próxima ó Barco de Valdeorras. Ata onte, o único que sabía dese lugar era que alí naceu, hai case cen anos, o poeta Florencio Delgado Gurriarán. Agora sei algo máis. Por exemplo que, a pesar do frío, arredor de catrocentas persoas se xuntaron durante unha hora baixo a lona dunha carpa para escoitar unha conferencia sobre o seu poeta local. Non só eso, senón que antes acordaron mercar a casa do escritor entre todos, pagando a escote un crédito no banco, coa idea de convertela nun centro cultural. O sábado pola noite estaba chea e había nela varias exposicións.

Eu coñecín a Florencio Delgado Gurriarán alá pola metade dos anos setenta, nunha das visitas que fixo a Galicia desde México, onde vivía no exilio desde o ano 1936. Comemos xuntos na casa de Ramón Piñeiro, en Santiago. Era un home moi educado, elegante, simpático e cordial, de trato agradable. Falando con el, escoitándoo falar de política, un non entendía por qué un home coma el tivera que fuxir do seu país para salvar a vida.

Sempre me sorprendeu que nun lugar pequeno como Córgomo, antes da guerra, houbese un núcleo galeguista tan activo, do que formaba parte tamén o meu paisano Lohengrin Martínez Biel. En vista do que vin o sábado, acabouse a sorpresa, pois vese que a xente de alí é moi animada, tanto que había anos que eu non presenciaba unha cousa igual. Diante daquela animación, mentres falaba debaixo da carpa, pola cabeza pasábame unha e outra vez a idea de que hai persoas con sorte. Florencio marchou ó exilio, perdeu todo, pero gañou o afecto do seu pobo de tal maneira que tanto amor o fará vivir para sempre. Para sempre.

 Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de decembro de 2001.