La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días pasados estiven falando da desmemoria cultural dos suízos. Hoxe vou falar da que nos afecta a nós mesmos. En xeral, aquí dedícanse rúas a personaxes insignificantes que, pasados algúns anos, ninguén sabe quen foron. Son decisións tomadas ás veces co corazón desbordado de emoción, sen esa pausa necesaria e obrigatoria que permitiría facer as cousas con máis sentido. Eu sei un caso, por exemplo, dun señor alcalde que inaugurou unha rúa co seu propio nome. Non era mal home, a pesar de todo.

Pódese dicir, polo tanto, que poucas persoas que teñan destacado algo en calquera actividade pública, o mesmo na política que na economía, nas artes ou nas letras, ten moitas probabilidades de gozar algún día dunha rúa co seu nome, polo menos ata que se esquezan del e teñan que buscar outro oco no rueiro. Hai un exemplo, non obstante, que chama a atención, aínda que polas noticias que teño está a punto de ser corrixido.

Como é sabido, na súa novela titulada Vinte mil leguas de viaxe submarina, J. Verne fai pasar por Vigo o Nautilus, co capitán Nemo a bordo, onde baixan a ver os galeóns de Rande. Ninguén ten levado por máis sitios nin ao coñecemento de máis xente o nome da cidade galega. É xusto, polo mesmo, que o escritor ou o capitán ou o barco, os tres xuntos ou por separado, sexan recordados dalgunha maneira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de decembro de 1997.