La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estou convencido de que unha cousa non é difícil de crer porque sexa incrible, senón porque estea mal contada. Gustaríame, polo tanto, saber contar algo que me sucedeu onte, pois resulta difícil de crer. E non obstante foi certo.
Ía eu pola autoestrada de Baiona a Vigo, conducindo a unha velocidade moderada debido a que pouco antes, diante do cruceiro de Mañufe, acababa de ver restos dun accidente: garda civil, ambulancia e xente agrupada ao redor de dous coches estragados. Sempre ocorre que, en circunstancias así, nos minutos que seguen, se baixa a marcha, aínda que por pouco tempo. Supoño que hai un mecanismo de supervivencia que leva a esquecerse dos accidentes; en caso contrario paralizaríase o tráfico.
De pronto, cando ía pensando nestas cousas, fixeime que circulaba polo quilómetro 13. Nese momento, dunha maneira case automática, veume á cabeza un pensamento estúpido que tratei de desbotar para non sentirme idiota. Non fun capaz porque vin que o reloxo marcaba as 11.13. Cando me ía a botar a rir, o termómetro dixital anunciaba unha temperatura de 13º. E aínda que me dera vergonza, direi que o contaquilómetros parcial do coche estaba no número 13. Xuro que é certo e acepto de antemán as bromas dos amigos, pero foi tal como digo. A partir de aquí podería construír calquera historia, pero tería que mentir.
A verdade é que non pasou nada máis. A mañá transcorreu ben, sen problemas, tiven un xantar agradable cun grupo de amigos e volvín para a casa con normalidade e sen sobresaltos. Acordeime só que en Nova York os ascensores non teñen nunca o número 13, pois pasan do 12 ao 14, e que coñezo a varias persoas que cando o martes coincide con ese par de cifras, non saen á rúa… Debe ser unha marabilla crer nesas cousas, aínda que perturben, porque tamén converten a vida en maxia. Hoxe, en boa lei, tíñame que pasar algo a non ser que fora eu o causante do accidente que vin. Non sería lóxico.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de novembro de 2000.