La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha tertulia nocturna de amigos, animados polo aroma excitante do café e empuxados pola forza amable dunhas copas que nos volvían a todos máis imprudentes do que normalmente somos en estado de repouso, puxémonos a perder o tempo de xeito agradable nunha acalorada discusión sen fin. En realidade tratábase de resolver a aposta imposible que encerra a seguinte pregunta. Canto tempo tardarán os idiotas que empezan a xurdir por toda Europa en acabar co oasis de paz e prosperidade que se foi edificando co traballo e a prudencia de todos nos últimos 40 anos?

Alguén recordou un xogo semellante que se facía na tertulia de don Pío Baroja, despois da guerra, respecto da supervivencia do réxime de Franco. Alí facíano ademais con votación, para o cal utilizaban unhas papeletas que se gardaban nunha caixa e que se abrían uns meses máis tarde. As respostas situábanse sempre no arco dun amplo abano que ía desde o irremediable pesimismo «barojiano», que falaba de cincuenta anos, ata a présa nerviosa e optimista do célebre Edmundo Estévez, máis coñecido por «Alambritos»,, que nunca lle daba a Franco máis dunha poucas semanas ou unas cantos meses de supervivencia.

Levados poloo entusiasmo anarcoide da discusión, nós descoidamos os seus aspectos organizativos e non chegamos a votar. Podo contar, aínda que non vala de moito, a miña posición. Creo que esto se acaba, como sucedeu sempre, aínda que non resulta fácil averiguar cando. Agora empezan os máis burros e violentos a dicir e facer parvadas, ata que un día lle queda un morto espetado na punta do cóitelo, como se fose unha salchicha, e tíranse de risa pola gracia, o cal os incita a seguir pasándoo ben. Despois veñen os votantes cabreados, que apoian a eses políticos pintorescos de discurso estúpido, pero divertido. O resto, como é coñecido de todos, non fai fallo contalo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de decembro de 1991.