La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe tiña que estar en México, pero estou en Vilariño. Esta aldea onde vivo desde hai case vinte anos non se parece en nada a Guadalajara, pero tampouco está mal. Agora mesmo, cando escribo, chove, e a escuridade e as nubes baixas non permiten ver os montes de arredor, e o vento zoa como se a casa fose un barco perdido en alta mar. O día invita a non saír, gozar do lume na cheminea e deixarse levar pola nogalla, que é como lle chaman na miña terra á vagancia. O gato Samuel dorme aquí ao lado, nunha postura un pouco indigna, espatarrado e panza arriba, facendo ronrón dun xeito acompasado, como marcando coa súa respiración pausada o ritmo da felicidade. Lástima que el non saiba que se chama así.

Supoño que os meus compa eiros, en Guadalajara, estarán tamén contentos. É unha cidade fermosa, aínda que algo violenta, pero na que se pode pasar ben, sobre todo se un se adapta pronto á altura, que pesa nas pernas e no peito pola falta de osíxeno. Se algo boto de menos é non estar alí para facer tertulia no hotel, polas noites, ao aire libre. Sen embargo, recorrer tantos miles de quilómetros para iso, desta vez cheguei á conclusión de que non me compensaba.

Nin sequera para ver os colibrís. Foi nesa cidade onde vin o único que coñezo, un paxariño pouco máis grande que unha avéspora, pero tan fermoso que parece un cachiño de aire pintado de cores e movéndose sen parar, coa rapidez dun ventilador de aspas de cristal. Teño un na casa, aínda que só en fotografía, pois os de verdade aquí non se dan. Un día como hoxe, por exemplo, non sei se aguantaría o vento que corre, pero estou seguro que non soportaría a cor grisalla da tarde, nin a melancolía. O contrario do meu gato. E en punto a graza, non sabería eu que dicir. Non é que Samuel teña a delicadeza estilizada do colibrí, pero velo saltando no xardín tampouco é cousa de desprezar. O peor é que só salte detrás dos paxaros, este lambonciño lampantín.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de novembro de 2000.