La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde fun dar un paseo arredor do Monte do Boi, en Baiona, seguindo o camiño que rodea o parador pola parte de abaixo, pegado ao mar. É un lugar agradable, sobre todo en días cincentos e tristes, pouco aptos para o turismo, cando a xente prefire estar ao abrigo nas casas ou dentro dos cafés. Non había case ninguén, de xeito que me sentei nunha pedra, vendo como rompían as olas, un tren de auga escura que ao bater contra as rocas se convertía nunha escuma branca primeiro e logo se ía transformando, ao remansar, nun conxunto de cores, entre azuis e verdes, no que predominaban os esmeraldas. Naturalmente, á beleza deste espectáculo había que engadirlle aínda o ronquido da auga, un trebón que non impuña, senón que arrolaba.

Mentres descansaba sobre a pedra, vin que viña voando cara a min un abellón. Non sei onde lin que este insecto, teoricamente, non pode voar. Pois peor para a teoría, que é falsa, da mesma maneira que se ve que tamén era falso pensar que os americanos estaban por riba das chapuzas da banana. Parecíanse a eses países no asunto da pena de morte, pero ninguén sospeitaba que fosen capaces de montar ese tinglado cómico no que andan.

E falando de sospeitas, nunca me pasou pola cabeza que no meu país me tomasen por estranxeiro, por máis que tiña a experiencia de que en Armenia me tomaran por nativo e en Israel me consideraran xudeu. Digo isto porque durante o paseo, cando estaba empuñando a cámara para facer unha foto, achegóuseme un señor que se ofreceu a retratarme. Díxome que aquel era un dos lugares máis fermosos do mundo e que era unha pena que eu non saíse na foto. Por non desairalo, aceptei. Despois de disparar a máquina, o home deu por feita a miña condición de forasteiro, cousa que tampouco lle neguei para non decepcionalo. Menos mal que non me preguntou pola miña terra de orixe. Diríalle que era ruso. Así, pola noite, na casa, tería bastante que contar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de novembro de 2000.