La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non lembro ben os detalles, pero para os rapaces da posguerra, un dos mitos que máis orgullo espertaban en nós, habitantes dun país marxinal e illado, odiado no estranxeiro, segundo nos contaban, era aquel dun futbolista da selección nacional española chamado Lángara ou algo así, se mal non recordo, que nun partido internacional lle pediu o balón a un compañeiro chamado Sabino, encargado de sacar unha falta preto da área, coas seguintes palabras: “Sabino, a mí que los arrollo”. O tal Sabino mandoulle a pelota á altura do peito, o outro parouna e saíu correndo con ela sobre o esternón, a toda mecha, levando por diante a todo canto contrario pretendía paralo. A lenda aseguraba que entrou na portería con varios rivais arrastras.

Non menos fermosos eran os comportamentos épicos de Bahamontes, o célebre ciclista toledano que non tiña competidores na montaña e que subía o Tourmalet en solitario, no Tour de Francia, deixando cravados sobre a bicicleta os ases do mundo enteiro. Nunha ocasión, segundo contaban, parou a medio camiño para comer un xeado, sentado nunha pedra, permitindo pasar o pelotón, só co propósito de facer un alarde e deixalo atrás de novo.

O outro día, mentres vía o partido do Celta na televisión, recordei estes episodios da infancia, porque na vitoria do club galego, fermosa, brillante e merecida, houbo algo do comportamento épico daquela época. Para min foi como se á hora de baleirar unha piscina, en vez de empregar a bomba de baleirado, houbese que bebela a morro, dun único sorbo. Demasiado heroico.  Vivimos nun país onde as cousas se poden facer con maior tranquilidade, sen agonías e sen necesidade de cortar as árbores a puñetazos nin de subir os avións no aire a base de suplidos. Por suposto que aínda queda xente que mata os discrepantes, que é como cazar coellos a pedradas, pero esas son reminiscencias dunha época pasada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de novembro de 2000.