La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que xa teño contado aquí noutra ocasión como un día asistín en Moscova a un recital do poeta Evgeni Evtushenko, que ao rematar a lectura dos seus versos diante dun auditorio de varios miles de persoas, tivo a xentileza de invitarme a cear, o cal non me impediu tirar a conclusión de que o escritor, ademais de ser moi simpático, me parecese tamén algo golfo. Hai cousas que se ven: o disfraz que levaba, o porte de deus altivo, a teatralidade nos xestos ou as miradas de pillabán que lles dirixía ás mozas.

Despois daquel encontro, tiven a oportunidade de falar con escritores de distintos países de fala hispana que tamén coñeceran o poeta e que me contaron todos como este lles recitara, con grande énfase e moita emoción, un poema en castelán dedicado ao Che Guevara. Exactamente igual que me fixo a min naquela cea.

O célebre Evtushenko, tal como recorda unha revista literaria inglesa esta mesma semana, nos recitais que daquela ofrecía en Nova York ou en Londres, cantaba a liberdade, pero cando regresaba a Moscova, dedicábase a dicir en público con igual entusiasmo poemas en honor dos plans quinquenais da Unión Soviética. Hai uns días, durante unha velada na que o vate leu uns versos, algúns colegas asubiaron. É unha novidade: antes aplaudían todos. Supoño que Evtushenko, en cambio, fixo o de sempre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de outubro de 1995.