La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O presidente do Comité Xudicial do Senado dos Estados Unidos, o senador Patrick Leahy, aparece hoxe para algúns americanos como un home chinche ou inxenuo, cando non antipatriota. Ponlles pegas aos propósitos do fiscal xeral, que quere urxentemente leis máis duras para combater o terrorismo: pinchar teléfonos sen permiso dos xuíces, penetrar nas redes informáticas polas bravas, ampliar o tempo de detención dos inmigrantes sospeitosos. Non é que o senador Leahy non estea de acordo en endurecer as leis e perseguir os terroristas, pero teme que ao final acaben pagando as liberdades. Non lle falta razón.

O senador foi antes fiscal do estado en Vermont, na fronteira co Canadá. No seu tempo, o problema da droga, que era grave no seu distrito, empezou a resolverse dunha maneira asombrosa, gracias á eficacia dun tal Paul Lawrence, axente da brigada encargada de combater o narcotráfico. Cun éxito crecente, este señor foi capaz de limpar as rúas de traficantes e encher os cárceres de individuos directamente relacionados co mundo da droga.

Un día, a Leahy empezaron a chegarlle queixas dos métodos do policía. Foi buscar un axente de Brooklyn chamado o Rabino, soltouno polas rúas e fíxolle chegar a Lawrence a información de que aquel individuo era un perigoso traficante recén chegado. Unha tarde, o Rabino sentouse no banco dun parque a ler o periódico e ao pouco tempo presentouse o eficaz, pasou ao lado del sen pararse (non sabía que estaba sendo vixiado) e volveu á comisaría cunha bolsa chea de heroína, que dixo que lle mercara ao tal Rabino. Loxicamente, Lawrence acabou no cárcere, e moitos inocentes foron liberados, con excepción dun que se suicidara.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de outubro de 2001.