La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns anos fixen cun grupo de amigos o Camiño de Santiago. Levabamos un automóvil todoterreo para as maletas, tamén para recoller os afectados por binchocas nos pés ou para os que sufrían tiróns nos músculos adutores, pero sobre todo como vehículo de transporte para un compañeiro gordo, que pesaba moito máis de cen quilos. Este home esperaba por nós nas metas previamente establecidas, onde o atopabamos sempre felizmente instalado diante dun bo prato de callos, un bocadillo de xamón ou un chourizo con pan. Era o aperitivo. Logo ceabamos todos xuntos, con el presidindo, marcando con apetito e solemnidade o momento máis grato do día.

No verán contei aquí que este amigo gordo, cando se viu disparado cara aos douscentos, decidiu cambiar de vida. De golpe, para sorpresa e alegría de todos cantos o queremos, quitou setenta quilos de peso. Logo, pouco a pouco, seguiu baixando lentamente, pero sen parar, camiño dos cen. Un día prometeume que cando estivese en dúas cifras, me convidaría a cear.

Fixémolo o sábado en Ourense. Foi unha cea tranquila, sosegada e discreta, lonxe de calquera exceso, a non ser dúas cousas: uns bos puros habanos que levaba el, longos e robustos, ben fresquiños, e unha conversa longa, sen présas, nunha sobremesa que durou horas. Marchamos contentos, pero ao saír, vimos nunha esquina do comedor a un señor gordo  sentado diante dun cocido enorme, case obsceno. Estaba colorado e suaba e comía con ansiedade de comellón. Non digo que non o pasase ben, pois estou seguro de que se sentía feliz, pero non me gustou. Quero dicir que aínda na súa época de gordo, en iguais circunstancias, o meu amigo era máis elegante. E máis bonito.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de outubro de 1998.