La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O tío Rito era un velliño da parroquia de Beiro, a mesma onde estivo de cura o célebre don Basilio Álvarez. Fumaba folla seca de millo que el mesmo picaba con paciencia cunha navalla sobre unha mesa de madeira e bebía todos os días unha botella de tinto purrela que el dicía que sabía a gloria. Dúas veces á semana baixaba a pé a Ourense pola mañá, e despois, pola noitiña, volvía subir contento a empinada costa de Canedo, unha calzada romana que agora está cuberta de asfalto. Foi o único centenario que coñecín.

De aspecto, parecía unha uva pasa. Faltábanlle os dentes e tiña unha pel seca e enrugada, como de cobra ou lagarto. O pelo, bastante abundante e branco, era liso e fino, con guedellas que lle saían por fóra da pucha, un verdadeiro escándalo de buracos, roña e caspa. Falaba forte e valente, a peito cheo, pero algo confuso e entrambilicado a consecuencia da ruína da boca desdentada.

Estouno vendo sentado debaixo da parra, pendente de calquera que pasase polo camiño: unhas vacas, a cabra do Avelino, o burro da Isaura… A xente sempre tiña para el unas palabras de simpatía e de respecto. Pola súa parte, prendía no palique con facilidade e sen présa, quizais feliz a cambio daquelas poucas novidades de cada día. Talvez lle compensase chegar aos mil anos, como din os médicos que vai ocorrer pronto. Naturalmente, sempre que conservase a parra, porque pasar tantos anos diante dun televisor…

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de outubro de 1992.