La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día falei aquí dun profesor que tiven hai anos, nos meus tempos de estudante universitario, a quen un día soprendín dicindo uns pecados enormes pola rúa, pero non porque fose mal falado, senón porque ía poñendo en voz alta exemplos da maneira de falar dos mozos e as mozas de hoxe. Tiña moita preocupación polas palabras. Froito desa preocupación foron non poucos traballos, como aquel, que eu recordo perfectamente, sobre a orixe da expresión “estar más sobada que el tejito”, na súa versión castelá, ou “estar máis sobada que a folla de santos”, en versión galega. Ambas as dúas proceden da liturxia, cando o crego tocaba cos dedos unha folla do misal que contiña unha oración aos santos que empezaba: “Te igitur…”

O citado profesor emocionábase con estas cousas, tanto que, ás veces, mentres as explicaba na clase, quebrábaselle a voz. De mozo fora poeta, pero sen moito éxito. Iso non impediu que conservase durante toda a vida a alma dun lírico delicado, a pesar de que fisicamente non concordaba con iso, pois era corpulento, de costas anchas, rostro tallado e aspecto un pouco rudo.

Recordo moi ben a súa imaxe de home forte no alto do balcón da súa casa, durante unha verbena. Puxéranlle un altavoz colgado na varanda, polo cal saía atronando a música da orquestra, un folión de gamberros que supoño lle impedía durmir. Entón colleu unha estaca enorme, deu un par de toques con ela para chamar a atención e logo púxose a desfacer o altavoz con furia de arrebatado. Os alumnos que o vimos quedamos pampos ao contemplar aquel espectáculo. Un de nós, agora profesor tamén, comentou en voz alta: “Este home está rematadamente tolo”. A min, non obstante, nunca me pareceu máis san.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de outubro de 1999.