La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde que empezou a crise rusa, estaba moi claro que había dúas personalidades contraditorias entre os dirixentes que se atrincheiraron no Parlamento. Por un lado, Jasbulátov, que no plano humano e persoal era un golfo, un pillabán, un capagrilos, e que politicamente foi un irresponsable. Ninguén esperaba del que acabase de maneira distinta como acabou, sacando unha bandeira branca, reclamando a protección das embaixadas e mentindo para eludir responsabilidades.

O xeneral Rutskoi parecía outra cousa. Tiña quizais máis vontade que intelixencia, pero esas son as virtudes do heroe, o que normalmente se traduce tamén nun ríxido código dun gran rigor moral: culto ao honor, sentido estrito do deber, capacidade de sacrificio… Xentes perigosas pero nobres, alucinadas.

Era o elemento que lle outorgaba un respectable sentido da traxedia ao sainete organizado no interior do parlamento: destitución do Goberno, ameazas ao exército, penas de norte comunicadas por teléfono… Un esperaba, polo tanto, que Rutskoi, se comportase finalmente doutra maneira, mesmo que decidise entregarse, como sucedeu. Todos os periódicos contan que estaba branco como un morto, asustado. Pero un héroe nunca se pon pálido. Da mesma maneira que non se lle soltan os narices nin se desmaia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de outubro de 1993.