La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non é a primeira vez que me sucede. Onte, mentres tomaba un café pola mañá, achegouse cara a min unha muller en actitude de saudarme. Deille un par de bicos e pregunteille como estaba. Respondeume: “Non nos coñecemos persoalmente, pero tiña ganas de falar contigo”. Quedei cortado pola metedura de pata, que aínda conseguín empeorar despois, cando ela me dixo que estivera nunha conferencia miña e que me saudara ao rematar. “Ah, si, xa recordo”, mentinlle. Decatouse da trampa e preguntoume: “A ver se é certo, en que sitio foi?” Tiven que renderme.

Carecía de complexos, porque se botou a rir. O primeiro que me chamou a atención foi que fose tan bonita e que vestise con tanta elegancia. Só máis tarde me decatei, ao escoitala, de que era tamén intelixente. Lástima de que a intelixencia, como a beleza, non se vexa a simple vista: sería máis fácil. Por exemplo, coa señora de onte, de non darse esa circunstancia, a conversa duraría pouco. Confeso que me atrae máis unha boa cabeza que unha cara fermosa. Aquela dura máis. E nunca aburre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de outubro de 2000.