La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Sempre que visitei o Metropolitan Museum of Art en Nova York foi para ver con calma a sección de arte exipcia. Lamentablemente, a parte que máis me interesa, a das esculturas, estaba pechada. Como estes días se celebra unha magnífica exposición sobre as orixes do impresionismo, dediqueille a esta máis tempo do que pensaba. Se digo a verdade, un dos cadros que esperaba ver con ilusión era Le Fifre de Édouard Manet, unha xoia que por diversas razóns nunca conseguira atopar en París. A última vez estaba prestado, como agora.

Non sei se é un bo cadro, aínda que me gusta. Tampouco sei se o que me atrae é a pintura ou a literatura que o rodea, é dicir, o feito de que fose refugada no seu día e a defensa emocionada que dela fixo o novelista Zola. Un ten debilidade polas cousas contadas e tampouco sabe se o mundo debe ser unha fábula.

Ao fin, o cadro que máis me gustou foi un lenzo de Frédéric Bazille, quizais non demasiado importante, pero as circunstancias fixeron que me fixase nel. Representaba unha fermosa mociña a quen unha criada negra, posta de xeonllos, axudaba a poñer os zapatos. Coincidín diante da pintura cunha rapaza tamén negra que a miraba con ollos tristes. Pareceume que unha longa historia de humillacións lle subía ata a gravidade tensa do rostro. Naturalmente non exclúo a idea de que fose todo cousa da miña imaxinación.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de outubro de 1994.