La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando vou só no coche, adoito escoitar a radio. En xeral, gústanme os programas nos que fala a xente da rúa. Hai de todo, pero normalmente sempre se acaban escoitando cousas curiosas e interesantes, pois a vida das persoas case nunca é vulgar, a pesar das aparencias. Tampouco faltan os tolos nin os tipos disparatados, polos que sinto certa predilección involuntaria. Outras veces, teño a sospeita de que algúns dos comunicantes son provocadores. Supoño eu, porque nunha ocasión escoiteille dicir a un rapaz de dezaseis anos que tiña un lío coa súa avoa.

O outro día, falaban do amor. O tema non ofrece interese, porque os participantes, con frecuencia, ou caen nun lirismo cursi ou din simplezas que só eles consideran xeniais. Chamoume a atención, sen embargo, un rapaz que contou emocionado como un día pasou en avión, a miles de metros de altura, por riba da casa da rapaza da que estaba namorado. Desconcertado, o locutor, preguntoulle que tiña aquilo de particular e o mozo respondeu: “Púxenme a mirar a ver se a vía”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de setembro de 2000.