La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nun dos meus libros utilicei unha historia real que eu vivín cando era inocente, é dicir, hai moitísimos anos. Un amigo que se chamaba Toñito e que, por ser fillo dun sancristán, facía de acólito, convenceume sen demasiado esforzo de que detrás do altar de Santo Antón, alá na igrexa de Sabucedo, vivía unha filla do Demo, pequeniña coma un rato, que se chamaba Rosita. Estouseguro de que a cheguei a ver, só un instante, por suposto, pero con tanta claridade que aínda hoxe a recordo. Levaba unha chaquetiña encarnada.

O mesmo rapaz díxome outra vez que unha señora rara que vivía na aldea e que nunca saía estaba preñada do Demo. Nunca conseguín pasar por diante da casa daquela muller sen acelerar a marcha. Non sei por que motivo imaxinei que o fillo que ía nacer daquel pecado espantoso tiña que ser un neno con cara de vaca.

Supoño que os rapaces de hoxe non son tan crédulos. Agora a inocencia xa non consiste en pensar que o mundo está habitado por demos, senón en saber que estes só existen na televisión. Deste xeito, a inocencia dura ata o día en que descobren que estaban equivocados. Porque están equivocados. Onte, por exemplo, lin nun periódico que na guerra de Bosnia varios miles de mulleres quedaron embarazadas despois de seren violadas polos seus inimigos. Está claro que un ser humano non pode facer estas cousas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de setembro de 1996.