La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días, referíndose ao asasino da nena de Vilalba, son moitas as persoas que falan friamente de formas de vinganza refinadas e brutais, todas merecidas polo monstro. Cando a xente se atopa cunha degradación tan grande do ser humano como nesta ocasión, sente o dereito de considerar que a esta especie de bichos non lles de bían alcanzar os beneficios que lles corresponden ás persoas, incluídos eses criminais que nun momento de arrebato pasional collen unha arma e acaban coa vida dun semellante.

Dicíame un amigo que a fronteira está moi ben definida nas prisións, onde os inquilinos toleran calquera acción, por salvaxe que sexa, contra os adultos, pero non soportan os delitos contra os inocentes. Esa é a causa de que aos responsables de crimes nos que as vítimas son nenos, os seus compañeiros de cárcere os agredan e pretendan linchalos. Non os consideran xente.

En realidade, ¿son xente? Si, pero quizais dunha especie que debe estar moi próxima a algúns animais inferiores, especialmente aos máis crueis. Con todo, esa pequenísima diferenza é a que os salva da vinganza e os converte en seres protexidos polo dereito, esa barreira onde a rabia ten que parar. Estou de acordo, non obstante, en que debía haber un castigo especial para estes animais humanos. Algo que deixase a salvo a súa condición mínima de persoas, pero que lles recordase tamén que fundamentalmente son bichos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de setembro de 1992.