La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven vendo un programa deses que tratan de animais e que resultan do máis atractivo que se pode ver na televisión. Trataba dun paxaro estraño, que non recordo como se chama, e que ten a característica de que fai o niño na terra, non nas árbores nin entre as silveiras, como a maior parte dos membros da súa especie. Por esa razón, os seus inimigos adoitan ser animais como os cans, as donicelas e, sobre todo, os raposos, que buscan as crías para comelas. Nada do outro mundo: entre os seres vivos, uns comemos os outros, especialmente os humanos, que nisto somos os máis depredadores de todos.

Na loita pola supervivencia, o citado paxaro desenvolveu un sistema de protección da prole certamente enxeñoso, bastante cómico, que visto desde fóra, cos ollos dun profano, como sucede no meu caso, parece denotar algún tipo de intelixencia, superior a outros comportamentos máis coñecidos e gabados polos zoólogos, como ocorre cos arroaces, por exemplo, ou coas baleas ou mesmo os elefantes.

A cousa consiste en que, cando se achega un raposo ao niño, o paxaro pai sae correndo, pero facéndose o coxo e arrastrando unha á, igual que se a levase quebrada, dando a impresión de ser unha presa fácil. A trampa funciona moi ben, porque o zorro sempre pica, o cal contradice, en parte, a fama que ten este último de ser listo e moi raposo. No programa ao que aludo, os papeis semellaban estar cambiados, aínda que non as caras: o paxaro tiña todo o aspecto de ser un infeliz e outro conservaba o aire de golfo que lle sabemos. Supoño que todo isto será normal, pois sería horrible ver un paxaro con cara de tramposo ou senvergonza..

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de agosto de 1999.