La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Se o meu ordenador non me engana, este artigo fai o número dous mil cincocentos cinco. Non debe ser raro, polo tanto, despois de tantos días, que ás veces repita cousas das que xa falei noutras ocasións. Esa é a sensación que teño agora mesmo, cando escribo estas liñas, e me vén á cabeza unha historia que me sucedeu con don Vicente Risco hai xa moito tempo, naqueles anos nos que eu andaba estudando o bacharelato. O caso foi que na tertulia do Café Parque, Risco púxose a falar do inferno nuns termos que me chamaron a atención, pois facía forza na idea do lume e das caldeiras con aceite fervendo; pero en serio, non en broma.

Con timidez, atrevinme a preguntarlle se el pensaba que no inferno había lume físico, igual que nos incendios. Con cara de estupefacto, don Vicente miroume da mesma maneira que un racista podería mirar a un hotentote, ou un home civilizado a un bárbaro, e a continuación dixo: “Pois ti segue facendo preguntas tan estúpidas como esa e verás como o acabas experimentando no teu propio corpiño”.

Se don Vicente Risco levantase a cabeza e lle oíse dicir ao Papa o que dixo, ou sexa, que o inferno non é un lugar onde queiman a xente, seguro que pensaba que o Sumo Pontífice non andaría ben do caletre, do mesmo xeito que aquelas persoas que na España dos anos sesenta, cada vez que Paulo VI facía algunha crítica moi velada á situación política española, tiraban a conclusión de que o Papa era comunista. Non fai falla unha explicación tan complicada para entender cousas tan sinxelas. Despois de todo, iso das caldeiras e dos tizóns non podía ser. Como dicía un ateo oficial da miña vila, se o inferno é eterno, ¿onde hai leña e aceite que duren tanto?

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xullo de 1999.