La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo nunha revista americana algunhas historias relacionadas cunha figura xurídica que ignoro se existe aquí, aínda que supoño que debe haber algo parecido, pois no fondo non se trata máis que dunha ofensa. A primeira é moi simple: a unha señora gorda e pequena chamáronlle hipopótamo no traballo, o cal motivou unha denuncia diante dun tribunal de xustiza. Polo que me pareceu entender, a muller non se queixaba do insulto que podía haber no dito, senón do dano psicolóxico que lle causara a nomeada que lle dirixiron. Non creo que se tratase dun formalismo legal, porque entrou chorando no xulgado.

A segunda das historias é bastante diferente. Como protagonista, aparece tamén unha señora, aínda que de características moi distintas da primeira. En vez de gorda, delgada; en vez de hipopótamo, gacela. ¿Como se pode, entón, ofender a unha muller desta condición valéndose do seu físico? Non parece fácil, por máis que tampouco resulte imposible. A proba é que ocorreu, como imos ver. Un amigo invitouna a unha festa privada, con moita xente.

A festa consistía, en parte, nun baño na piscina da casa con concurso de natación incluído. Os bañadores aportábaos o anfitrión. De todos, un deles, precisamente o que ía destinado á señora guapa, tiña trampa. De maneira que cando a fermosa estaba nadando, de repente, o bañador disolveuse, case sen que ela se decatase, e quedou como un se pode imaxinar. A crónica non di nada máis a non ser que presentou unha denuncia no xulgado, o cal quere dicir que se sentiu ofendida, e con razón. Ese non é o problema senón o tempo que tardará en popularizarse tal tipo de bañador.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de xuño de 1998.