La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Anda don Manuel Azaña en campaña electoral, sacado do baúl da historia polo candidato conservador. O outro día, cando lle oín citar nun mitin o nome do ilustre político republicano, sentinme sinceramente conmovido. Acordeime da primeira vez que oín falar del no patio do colexio, cando un compañeiro meu, fillo dunha familia de dereitas, me cantou unha canción que dicía: “Azaña, prepara la maleta y vete a la gran puñeta, que aquí no pintas nada”. Supoño que era unha canción de guerra do chamado bando nacional.

A segunda vez que escoitei o apelido deste home foi tamén na escola, un día que nos contaron que dixera dúas frases tremendas. Nunha delas afirmaba que España deixara de ser católica e a outra era unha orde dada á garda civil para que na insurrección anarquista da aldea de Casas Viejas disparasen á barriga. Tardei anos en saber que, polo menos a segunda das frases, nunca fora pronunciada por Azaña.

Poucas figuras da historia da España moderna foron máis inxuriadas que o célebre político republicano, de quen non só se dixo que era agresivo e soberbio, senón tamén que era feo e que tiña a pel da cara como o queixo de Burgos. Vese que co paso do tempo, as paixóns perden calor e permiten enxuizar as figuras históricas cunha frialdade xusta e obxectiva. O malo é que estas reparacións chegan sempre tarde. De todos modos, para os que hoxe son insultados debe ser un consolo pensar que poderán tamén ser enxalzados o día de mañá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de maio de 1993.