La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo nunha revista sueca a historia dun caribe fenomenal. Chámase Philip Douglas, pertence a unha coñecida estirpe aristocrática e non hai por onde collelo. A cousa menos mala que fixo na súa vida foi arrincarlle un dente dun moquetazo a un tío carnal, xa velliño. Polo demais, cometeu centos de falcatruadas, especialmente nos negocios. Quitoulle millóns de coroas a unhas cantas señoras amigas da súa nai co pretexto de gardarlles os cartos en Suíza. Naturalmente, o diñeiro esfumouse.

A base de facerlle a vida imposible ao tío do dente, acabou quedando co pazo e as terras da familia, onde montou unha granxa. Como empresario era capaz de armar un escándalo se alguén lle perdía unha corda, pero un día, dunha sentada, a petición dun estudante que traballaba na casa, mercou tractores por varios millóns.

Durante anos, falsificou firmas, estafou a varios bancos e chegou a manexar, con audacia e simpatía, perto de dous mil millóns de pesetas. Entre burrada e burrada, deitábase coas mozas empregadas, case todas estudantes. Agora está no cárcere e ten o propósito de cambiar de vida. De momento, aspira a converterse nun preso exemplar. Algo debeu progresar ao  respecto porque xa conseguiu que as autoridades lle puxesen teléfono e fax na cela que ocupa en prisión. Deus queira que sexa para ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de maio de 1996.