La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Escribo desde o dormitorio frascinscano dun modesto hotel de cuáqueros, en Londres. Non me sinto incómodo, a pesar de todo, por máis que as condicións do aloxamento estean nos límites da pobreza: nin cuarto de baño nin teléfono; apenas unha cama de frade, unha lámpada de papel de arroz, unha pileta para lavarse e unha mesa de madeira pelada, sen verniz. Nas paredes abundan as estampas relixiosas, con rostros melancólicos que se parecen moito ás rapazas e aos rapaces do servizo; todos moi tristes.

Grazas a esta primeira experiencia, onte pola mañá, cando ía camiño da Universidade de Londres para participar no Simposio de Estudos Galegos, sentinme o que realmente son: un pequeno escritor dun pequeno país que escribe nunha lingua pequena. Ás veces, un simple hotel pode axudarnos a non esquecer a realidade.

Tamén é certo que podiamos estar mellor instalados, sen que peligrase por iso a conciencia da nosa modestia. Non me importa tanto carecer de ducha e ter que dar voltas polos estreitos corredores da casa para ir ao cuarto de baño, como non dispor dunha sala onde sentarse a ver a televisión, por exemplo. Xa sei que non ten sentido vir a Londres un par de días e pasar as horas mirando unha pantalla. Naturalmente; pero tampouco hai moitas oportunidades de ver que non somos tan pequenos, polo menos no fútbol.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de maio de 1994.