La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha das cadelas que temos na casa está criando agora os sete cachorriños que trouxo o outro día: sete rebolos pequenos, negros como o pecado do cal proceden. Naceron dun desliz. Resulta que aí atrás, cando o animal andaba en celo, metémoslle na casa un can da mesma raza: precioso e forte, moi ben educado, con todos os papeis en regra, prestado por uns amigos. Tivemos que devolvelo aos poucos días case avergonzados, pois o pobre, a pesar da boa vontade que lle botou, non fixo nada.

Non é que fose un inútil, senón que ela se comportou como unha señorita digna e distante. Para min, que el se pasou de obsequioso: dáballe a súa propia comida, deixábase morder nas orellas e estaba tan pendente dela que eu creo que lle debeu parecer un pouco empalagoso. O caso é que se foi igual que viñera.

No celo seguinte, a cadela estivo soa na casa. Non nos explicamos, polo tanto, como foi posible esta historia. De primeiras pareceunos que engordara un pouco, pero pronto nos decatamos do que pasaba. Hai catro días, trouxo a camada. Confeso que ao principio nin sequera me achegaba a mirar os cachorros, pois estaba enfadado. Agora xa os vou ver polas noites. Despois de todo, os infelices non son culpables. E mirándoo con frialdade, a nai tampouco. O máis importante é que se críen ben de saúde.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de maio de 1996.