La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O venres pola noite, cando saía dun aparcadoiro soterraño na Coruña, o encargado da caixa, despois de pagarlle o importe, ao darme a volta preguntoume moi amablemente se lle podía contestar a unha curiosidade que sentía. Naturalmente, díxenlle que si. O que el quería saber era se as cousas que conto aquí día a día me suceden a min en realidade. Cando lle respondín de maneira afirmativa, deume as grazas e eu seguín o meu camiño. Ignoro se o citado señor quedou satisfeito coa resposta ou non, aínda que pola cara que puxo, deume a sensación de que aceptaba a explicación como válida. O certo é que non lle puiden aclarar máis.

Esta mesma pregunta, formulada de maneiras moi diferentes, fanma con frecuencia. Algúns, escépticos ou desconfiados, amosan as súas dúbidas. Un dos argumentos que empregan é o de que non é posible que en Xinzo de Limia haxa tanta xente rara ou tantos tolos. Outros, tamén dentro desta categoría dos incrédulos, consideran que, partindo dunha base certa, o resto está moi adornado.

Eu estou convencido de dúas cousas. Primeira: que o número de tipos extravagantes da miña vila é o mesmo, proporcionalmente, que hai noutros lugares. Segunda: que a todos nos suceden, ao cabo do día, unha cantidade non pequena de feitos curiosos ou fantásticos, pero non todo o mundo ten a obriga de contalos, razón pola cal tampouco se fixan moito neles. Para poñer un exemplo: onte pola mañá, despois do almorzo, recibín unha chamada telefónica equivocada. Se puidese contala aquí, é dicir, se puidese utilizar as mesmas palabras que escoitei de boca dunha señora despistada, seguro que sería divertido. Pero dáme vergonza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de maio de 1999.