La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De todas as versións que escoitei de neno sobre a natureza do ceo, a que máis me gustou sempre foi a que daba unha rapaza que traballaba na casa dos meus pais e que me sacaba a pasear polas tardes. Á beira do río, contemplando os cágados que se movían con axilidade na auga, oínlle dicir un día que no ceo había bicicletas con rodas de dez quilómetros e avións pequeniños para subir desde o chan ata o asento, ademais dun cine enorme onde se podía ver, minuto a minuto, o que seguía pasando na terra. Encantoume.

Ese foi o ceo que me fixo soñar con ser santo durante tempo. Por merecelo, cheguei a regalarlle unha preciosa pelota de goma a un amigo antipático e caprichoso. E se non fose porque advertín á miña nai dos fervores que me inflamaban, un día tería comungado en todas as misas, seis ou sete veces, unha detrás doutra, todo por ter a oportunidade de subir naquel avión e naquela bicicleta.

Debeu ser tamén ese ceo o que deixou de interesarme anos máis tarde, cando perdín o interese polos xoguetes. Primeiro cambieino polo paraíso e logo por conceptos aínda máis desencarnados e metafísicos. Hoxe, lendo o periódico, descubrín que os individuos que nas Filipinas teñen secuestrado un sacerdote español din que non teñen medo a morrer porque, se iso ocorre, irán todos ao ceo. Non sei como será o ceo no que eles cren. Se fose tan atractivo como aquel da bicicleta, a vida do cura non valería unha cadela.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de maio de 1993.