La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non recordo onde lin a historia dun negro catalán, porteiro nun hotel de Barcelona antes da Guerra Civil, que acabou internado nun campo de concentración nazi. Pola color da súa pel, pronto se converteu nunha figura destacada entre os demais presos, ata o punto de que as autoridades o nomearon mozo de comedor ao servizo do mando militar. Esa circunstancia fixo que non fose dos que peor o pasaron naquel inferno, aínda que non se librou de castigos e humillacións, incluída a morte ao final.

Cando os oficiais entraban no comedor para xantar, contemplaban o negro como se fose un animal raro e non se privaban de abrirlle a boca para mirarlle os dentes, igual que se fai cos cabalos, ou turrarlle das orellas, quizais só por divertirse. O peor era cando lle arrincaban os pelos do bigote, o que lle causaba unha dor insoportable.

Outro negro, membro do grupo radical contrario aos xudeus que agora empeza a medrar nos Estados Unidos, dixo nunha universidade de New Jersey que se fala moito dos seis millóns de xudeus que Hitler exterminou, pero que nunca se comentan as canalladas que os xudeus lle fixeron a Hitler. Ignoro a que cousa se refire, pero non sería difícil de imaxinar a sorte que este señor correría nun campo nazi de exterminio. Por riba, ten un bigote espeso e duro, de arame. Para arrincarllo con tenaces.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de abril de 1994.