La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha importante reunión que se celebrou en Ucraína pouco antes da caída de Gorbachov, coa asistencia dos líderes políticos de varias repúblicas, incluído Boris Ieltsin, este último bebeu tanto que acabou caendo da cadeira como un saco de patacas. Os membros da delegación que el mesmo presidía, sen perder a calma, pediron axuda para levantar do chan aquela mole humana e despois lévarono ata un cuarto veciño onde o deixaron durmindo. Uns minutos máis tarde regresaron á sala e proseguiron a negociación.

Aos poucos meses, en decembro de 1991, na célebre xuntanza na que os dirixentes de once repúblicas decidiron a liquidación política de Gorbachov, o mesmo Ieltsin caeu redondo borracho sobre a mesa e só ergueu a cabeza para dicir unha vez a frase “Tes razón”, non se sabe dirixida a quen, e caer de novo no sopor.

Este home, non obstante, ten moitas posibilidades de gañar as próximas eleccións presidenciais. En cambio, o seu opoñente Mikhail Gorbachov, unha persoa intelixente e seria, carece de opcións: os cómicos rinse del, os cantantes fan cancións que o tratan como un pallaso e os comunistas din que é peor que o xeneral Vlasov, aquel militar soviético que loitou ao lado dos nazis. Agora, un rapaz deulle unha labazada. A Ieltsin non lle fan nada diso, quizais porque é un borracho. Quizais tamén porque é o que manda.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de abril de 1996.