La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En dúas ocasións na miña vida tocoume formar parte doutros tantos tribunais de oposicións a profesores de instituto. Como resulta fácil de imaxinar, recibín algunhas recomendacións, unha delas impoñente, pois proviña da miña propia nai, que lamentablemente non puiden atender porque o seu recomendado resultou ser unha desgraza. Outra, máis que recomendación, era unha petición ao revés: dous estudantes descoñecidos abordáronme na rúa para falarme contra un opositor que eles consideraban facha.

Tampouco os puiden compracer porque o tal individuo fixo un papel discreto, suficiente para aprobar. Os peticionarios daquel disparate son desde entón bos amigos meus e moitas veces temos recordado xuntos e divertidos aquela súa moral revolucionaria, tan chea de bos propósitos e tan empedrada de pecados.

Ignoro se o opositor atacado era ou non era fascista, pero por ese alcume o coñecían tanto os meus novos interpelantes como outros colegas universitarios. Agora leo no periódico que á muller do xefe do partido fascista italiano tamén lle chamaban dese xeito cando era estudante, non porque profesase tal ideoloxía, senón porque ía vestida sempre de negro para disimular a gordura. Hoxe é fascista convencida. Espero que do ardor combativo dos meus amigos non se derivasen consecuencias semellantes.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de abril de 1994.