La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Pasei a mañá do domingo sentado nun butacón de madeira, nun dos porches da casa, lendo os periódicos con tranquilidade, incluídas esas revistas que agora traen os diarios como complemento. Entre lectura e lectura, foron transcorrendo as horas, que correspondían ademais a un día azul, fermoso e alegre, se non fose polas noticias que chegan dos campamentos dos refuxiados en Albania, ateigados de xente que foi expulsada da súa terra. Por fortuna, no mundo ocorren tamén cousas boas. Por exemplo, segundo unha enquisa que se publicaba onte neste mesmo periódico, os rapacese as rapazas españois séntense, en xeral, bastante felices.

Pois nunha desas revistas que lin, viña unha entrevista cunha persoa coñecida, moi popular e apreciada por moita xente, que falaba de si mesma con entusiasmo. Non deixa de ser chocante iso de tratarse a un propio con tanto optimismo, case poñéndose de exemplo para os demais. Unha conduta dese estilo supón unha grande autoestima, o cal non está mal, polo menos para espantar depresións.

No caso ao cal me refiro, esa persoa afirmaba: “Siempre he dicho lo que he pensado”. Iso, en principio, a min paréceme unha mentira. Se dixésemos todo o que pensamos, o mundo volveríase inhabitable. Unha vez, en Madrid, unha amiga miña que tivera un problema moi grave na cabeza, durante un xantar dedicouse a dicir o primeiro que se lle ocorría. A unha comensal gorda, espetoulle: “¡Caray, que bien te alimentas!” E a un diplomático francés, que era o noso anfitrión, soltoulle: “Los franceses son todos unos guarros”.  Se non fose porque eu fixen o xesto de aparafusar o dedo índice na miña fronte, a cousa acababa nunha catástrofe.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de abril de 1999.