La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha das experiencias máis agradables das moitas que vivín os días que pasei en Chile foi o reencontro coa memoria de Pablo Neruda. Das variadas imaxes que un se vai facendo dos escritores queridos, hai algunhas que resultan máis resistentes que outras, pero en xeral van e veñen segundo os momentos e as circunstancias. Aproveitei as horas libres que me quedaron, para buscar na xeografía urbana da capital a floristería onde traballou Albertina, a rapaza que inspirou os Veinte poemas de amor y una canción desesperada.

A proximidade do pazo onde morrreu Allende reavivou en min recordos da época de estudante en Compostela, cando algúns rapaces e rapazas soñabamos con cambiar o mundo. Mentres esperabamos o milagre que nunca se produciu nin se producirá endexamais, iamos poñendo adornos no camiño, como se desa maneira se puidese reducir a fealdade da miseria moral que nos rodeaba.

Recordo un deses adornos: a historia de como se imprimiu o libro que Neruda dedicou á guerra civil, España en el corazón. O papel fabricouse en Cataluña, de forma artesanal, e a pasta fíxose cos trapos que os soldados aportaron: vendaxes das feridas, camisas, gorros, bandeiras… Un poema humano e solidario, ese cantar épico de grandor oceánico que sae da vida mesma cando esta se converte nunha traxedia. Cantar de heroes. Mellor, non obstante, a canción gozosa do poeta que fala das colinas brancas dun corpo de muller.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de marzo de 1997.