La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No cadro de Las Meninas, a figura do neno que aparece no extremo da dereita do lenzo, cun pé alevolamente apoiado sobre o fermoso can que repousa medio adormecido no primeiro plano, é o coñecido bufón Nicolasito Pertusato. A muller fea e cabezuda que está á beira do rapaciño representa a anana Mari Barbola, un monstro inchado e deforme, de aparencia desagradable, que contrasta coa dozura enfermiza e fráxil da infanta Margarita María, a meniña graciosa e loira que ocupa o centro da famosa pintura de Velázquez.

Cando eu estudaba bacharelato, un profesor de grata memoria, don Ánxel Cocho, escribiu unha obra baseada na animación do célebre cadro. O papel do ananiño Pertusato ofrecéronllo a un compañeiro meu que era o florín inevitable de todas as veladas teatrais, un pillabán inquedo e simpático, auténtico bulebule capaz de encher de graza un escenario coa súa presenza desinhibida e atrastabanada.

A sorpresa foi que o rapaz, despois de tres días de ensaio, renunciou ao papel, pero chorando de rabia por algunha razón que non quería aclarar. Presionado polo director, que estaba intrigado por un comportamento tan incomprensible, ao final confesou a verdade: non soportaba que nun momento da representación a infanta lle chamase sabandixa, pois aquela era exactamente a nomeada que lle dicían no barrio e tiña medo de que, se facía a obra, nunca máis se podería librar do alcume. Unha pena: agora chámanlle Berberecho.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de marzo de 1993.