La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí desas píldoras milagrosas que se venden en América e que a xente toma con fe, o mesmo para durmir que para aguantar unha noite en vela, pois polo visto serven para todo. Cando souben da súa existencia, hai aínda poucos días, preguntei moito sobre as virtudes que lles atribúen, pero tal como contei xa, ninguén me puido aclarar case nada en concreto, a non ser que son unha marabilla. Como coñezo varias persoas que andan agora niso de deixar o tabaco, quería saber se lles podían axudar.

Para deixar de fumar, segundo me contaron, agora hai que ir a Burgos, a unha aldea próxima á capital, que parece moi frecuentada por poetas que teñen ese problema. Díxomo a muller dun deles, categoría empedernido, cos bronquios convertidos nunha orquestra, que está disposta a levar o seu home a probar remedio.

Non é nin caro nin difícil. Tal como me informou, consiste nun pastor solitario, que se limita a poñer as mans sobre as costas do fumador arrepentido. O prezo, soamente a vontade, ademais en especie e en pouca cantidade: un chourizo, unhas olivas, un queixo, unha lata de sardiñas… De momento, os resultados son bos e entre os beneficiados está un amigo meu de Madrid, o cal me alegra, pois ultimamente afogaba polas mañás, como puiden comprobar en Cuba. Esperemos que non se trate dunha bobada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de marzo de 1996.