La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha revista inglesa leo a historia de Robert Zeiler, unha vida tan dramática que ben se puidese converter no símbolo das moitas traxedias que os seres humanos levan padecido ao longo deste século. Este home, nacido en Berlín, fillo dunha xudía e un xentil, foi detido polos nazis no ano 1943 baixo a acusación de dar albergue a unha persoa daquela condición, é dicir, a súa propia nai, que vivía con el despois de divorciarse. Por esta razón, Zeiler foi internado no célebre campo de concentración de Buchenwald ata a fin da guerra.

Cando o xeneral Patton liberou aquel centro de exterminio, Robert Zeiler pesaba arredor de corenta quilos. O primeiro que fixo foi buscar a súa nai, á cal atopou finalmente en Checoslovaquia. De volta en Berlín, as novas autoridades comunistas acusárono de ser un espía americano e metérono preso.  Despois de peregrinar por varios cárceres, Zeiler acabou novamente internado no campo de Buchenwald.

Cando saíu daquel inferno, quixo explicar o seu horror, pero ninguén lle fixo caso; mesmo houbo xente que o acusou de mentir: non era certo que os comunistas utilizasen Buchenwald como campo de concentración de prisioneiros. Hoxe sábese que Zeiler dixo a verdade. Ata o ano 1950, Stalin empregou varios campos nazis de exterminio para internar aos seus inimigos, entre eles o xudeu Zeiler. Uns dez mil, apoximadamente, morreron de fame e enfermidades. É un dos capítulos máis repugnates de toda a historia do século XX.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de marzo de 1993.