La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O martes pola tarde, atopei na rúa un señor que me estivo falando durante algún tempo de Álvaro Cunqueiro, do cal, segundo me contou, foi amigo. O citado señor é químico de  profesión,  pero aseguroume que a súa verdadeira vocación eran as letras e as humanidades. Non me estraña porque, en xeral, case ninguén está de acordo coa súa profesión. Eu coñezo algunhas persoas no mundo da literatura que se senten fascinadas pola astronomía ou pola medicina, incluso pola economía. Mesmo coñecín o caso dun escritor limpabotas. Tamén abundan os da parte contraria. Carmen Alborch, por exemplo, cando era ministra, dixo que lle gustaría ser poeta.

Este home que me parou na rúa contoume unha cousa de Cunqueiro que eu non sabía, é dicir, que o escritor galego estaba moi interesado na ciencia. Non me sorprendeu, pois criouse en casa con botica, nunha época na que os boticarios preparaban remedios e pasaban por seren, case todos, magníficos botánicos. No caso concreto de Cunqueiro é certo que coñecía moi ben todas as herbas.

Un día escoiteille dicir que el sabía de purgas máis que ningún médico vivo e que todas tiñan carácter científico, que as aprendera co seu pai, cando as preparaba para o bispo Solís, de  Mondoñedo, o cal, despois dos días de festa, mandaba recado de que lle enviasen unha. Supoño, non obstante, que as curiosidades de Cunqueiro ao respecto non quedaban aí. Sei que se interesaba pola física e pola bioloxía, aínda que descoñezo o grao de sabedoría que chegou a alcanzar nesas disciplinas. Despois de todo, un home coa súa imaxinación podía inventar un tratado completo de calquera cousa. Por exemplo, como os paxaros saben multiplicar en verso.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de febreiro de 1999.