La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Regresei onte de Santiago escoitando no coche, en directo, o alboroto que se acaba de montar en Asturias entre os políticos e o bispo. Por riba do fondo do asunto, que non vén ao caso, o máis chamativo resulta o feito de que nesta ocasión o prelado sexa defendido polas xentes de esquerdas e censurado polos conservadores. Un concellal comunista dixo tales cousas, todas eloxiosas, de don Gabino Díaz, que só lle faltou rematar a súa perorata rezando unha avemaría, ofrecendo xaculatorias ou encargando unhas misiñas.

No programa participaba tamén un cura, que foi cualificado de impresentable por un dos políticos enfrontados co bispo. Posto a devolvelas, o señor abade citado recorreu a ese mesmo vocábulo para responder ao insulto recibido. De maneira que entre protestas de decencia por ambas partes, a zurra foi boa e as palabras, maiores.

Debaixo de todo isto estaba unha manifestación que se ía celebrar onte. Non me quedou claro se o bispo pensaba asistir, o cal supoño que esperarían os organizadores e que temerían os contrarios. Como falamos dun home sensato, estou seguro de que o prelado quedará na casa, evitando así crear aínda máis tensión. Por outra parte, á hora de cantar o himno, ao final da demostración, Ilustrísima non se verá na obrigación de cantar aquilo de “Tengo de subir al árbol, tengo de coger la flor y dársela a mi morena, que la ponga en el balcón”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de febreiro de 1998.