La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando no ano 1974 se produciu a caída do emperador de Etiopía, Haile Selassie, o periodista Ryszard Kapuscinski estaba alí. O relato do que puido ver e escoitar naqueles días o famoso correspondente polaco converteu a este nunha das figuras máis admiradas e controvertidas do periodismo internacional. Por exemplo, falou con algúns dos antigos funcionarios de palacio, que foron describindo para el a clase de traballo que lles estaba encomendada na corte imperial, ademais dos fantásticos títulos que lles correspondían.

O primeiro deles foi o Ministro da Pluma. A continuación entrevistouse co Gardián da Terceira Porta. Por último, puido falar cun funcionario que estaba ao servizo dos dignatarios estranxeiros, só para limparlles os zapatos que con frecuencia lles mexaban os cans do Emperador.

Foron moitos os comentaristas internacionais que dubidaron da veracidade do brillante relato de Kapuscinski, a quen acusaron de facer periodismo máxico. Agora, coa publicación do libro Imperium, no que se describe a caída da Unión Soviética, vólvenlle facer ese mesmo reproche; hai quen o censura incluso por dicir que na Idade Media se podía utilizar a pel de setecentas vacas para fabricar un libro. Paréceme un erro. Que Haile Selassie tivese un Ministro Portador da Bolsa do Tesouro Imperial é un feito irrelevante. En realidade, debía ter esa clase de ministros.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de xaneiro de 1995.